Saturday 18 de May de 2024

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visita o renovado vial de acceso ao ecoparking de Noia


 

A actuación comprendeu un investimento de preto de 50.000 euros

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, realizou esta mañá unha visita ao renovado vial de acceso ao ecoparking de Noia, que se atopa fronte á estación de autobuses. O titular do ente autonómico estivo acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e polos concelleiros de Obras, Martín Fernández Godón; de Seguridade Viaria, Julio Bustelo, e de Economía, Laura Salgado.

Freire Abeijón indicou que esta actuación “comprendeu un investimento de preto de 50.000 euros por parte de Portos de Galicia e supón unha importante mellora na zona de rodadura do ecoparking, xa que se atopaba moi deteriorada. Ademais, o proxecto tamén garantiu a integración paisaxística desta senda cunha aplicación de formigón en tons verdes”.

A este ecoparking, que conta con 80 prazas, “engadiremos outras 150 a través da vindeira actuación que Portos de Galicia realizará na zona de Labarta e que se sumarán as xa existentes, ofrecendo unha superficie de aparcamento de arredor de 15.000 metros cadrados”, explicou o rexedor noiés. “Deste xeito, unha vez que se complete esta actuación contaremos con espacios de parking para arredor de 350 vehículos, nunhas zonas que se atopan moi preto do casco histórico de Noia”.

Pola súa banda, José Juan Durán lembrou que a reposición do vial de acceso ao ecoparking de Noia forma parte “dunha serie de actuacións para mellorar non só o tráfico senón tamén para ampliar as prazas de aparcamento na zona, e que se atopan planificadas”. De feito, previamente, levouse a cabo a pavimentación e a delimitación das áreas de aparcamento na zona do Muelle do Marqués, a través dun investimento de arredor de 60.000 euros. A vindeira actuación, comprenderá a ampliación do espazo para aparcamento en Labarta, cuxa execución dará comezo nos vindeiros meses.